Tras unha tempada de obrigado parón, volve o derbi galego. O norte fronte ao sur, o branquiazul e o celeste, turkos e portugueses, competirán nesta ocasión de igual a igual, pois a táboa clasificatoria indica dende este domingo empate a puntos. A última vez non foi así: Un Dépor que só se xogaba a honra mediuse a un equipo depresivo en Riazor. Enfronte tivo a un Celta que desmoronou á primeira contrariedade e que se levou da Coruña un 3-0 que lle abriu de par en par a porta de segunda, que cruzaría na seguinte xornada.
Gustavo López lembra moi ben aquel 15 de Maio. Xa a comezos da tempada pasada o ídolo celeste asegurou que agardaba ansioso a revancha de aquel partido. Chegou. Será este sábado, sobre o verde de Balaídos, ás oito do serán e sen a TVG presente.
Volta o derbi e o pasado faise presente. Dende o enfrontamento do 40 que mandou ao Depor a segunda, ata o 87 na promoción a primeira, como non gañada polo Celta.
Máis actuais son os piques de Nacho e Fran. Otero e Fran. Bebeto e Pachi Salinas, ou cando o imperio ruso de Mostovoi e Karpin tumbaron ao "super". Michel Salgado versus Fran. O Turu Flores que marca e remarca en Liga e Copa. Juan Sánchez bate por enésima vez ao porteiro do Celta. Djalma berra "Viva Chechenia" ao oído de Mosto. O ........ de Scaloni dende o balcón de María Pita. Giova chorando pola perna de Manuel Pablo. Djalma rompe a Yago co tacón e mata a Pinto pola escuadra. Juanfran pelexándose con Victor, Scaloni e todo o turko k se movese. Balaídos cantando "adeus á Liga" e Riazor cantando "Adeus a primeira".
Moitas vellas historias que esta semana só volverán a vivir uns poucos afortunados. Só Méndez, Giova, Gus, Ángel e SuperOubiña, revivirán a paixón do clásico do noso país. Estrease nestas lides o "querido" Fernando Vázquez.
O sábado, ás oito, comezará o partido do ano. Eu estarei sentado en Rio Baixo co meu Kike. ¿ E ti ?
Artigo: Carlos Nodar