"É un símbolo". Esta foi unha das frases máis repetidas na presentación dos dous adestradores da selección galega de fútbol, que xogará contra Uruguai o 29 de decembro. Fernando Vázquez, no banco do Celta, precisou que o fútbol galego, agora, "si ten unha identidade propia. Eramos a excepción no Estado español".
Antes do partido terá lugar un encontro entre veteranos galegos, e entregaráselle ao ex compostelanista Nacho unha placa de honra, como agradecemento á súa contribución ao pulo actual da selección galega. A primeira lista de xogadores coñecerémola "con celeridade". As camisolas oficiais da selección galega saen á venda o mércores.
"Intentaremos facer a selección máis competitiva", sinalou o director xeral de Deportes, Santiago Domínguez Olveira. Ningún xogador galego de 2ª B ou Terceira está descartado, pero Galiza, en palabras de Olveira, "ten fútbol dabondo para presentar un elenco interesante de futbolistas con xogadores de Primeira e Segunda". Na figura dos capitáns galegos, Fran e Otero, queda reflectida "a homenaxe a todos aqueles que non poderán vivir un momento tan bonito".
Arsenio, que cumpre 75 anos cinco días antes do partido, alegrouse "moito, moitísimo", e remarcou que Galiza "hai tempo que agardaba esta posibilidade. A estas alturas xa non esperaba este premio, pero aínda estou de bo ver". Para Vázquez, o de onte foi un día "inesquecíbel, e ogallá sexa o inicio de algo que nunca acabe". E subliñou a oportunidade que representa a selección galega para os futbolistas do país. Encol da posibilidade de enfrontarse algún día á selección de España, o adestrador do Celta matizou que esa pretensión é "inviábel de momento".
Carlos Nodar.
Vieros.com
DDC